Entrevista a Sergio Caamaño, candidato por Xaviña do PSOE de Camariñas

Entrevista a Sergio Caamaño Fernández, candidato por Xaviña do PSOE de Camariñas

Se ata o de agora na maioría de entrevistas aos membros da lista electoral 2019 do PSOE de Camariñas contábamos con moitas caras novas, agora é o turno dun veterano nas listas electorais do PSOE. Trátase de Sergio Caamaño Fernández, xaviñán residente en Camariñas de 38 anos de idade e licenciado en Economía, casado e con dous fillos. Esto é o que nos comenta no seu turno de entrevistas á lista electoral do PSOE de Camariñas.

¿Cal foi o motivo para poñerte na política municipal?
O mesmo motivo co que empecei no 2007: representar ao meu pobo no Concello de Camariñas, ao que se suman a ilusión de facer novos proxectos e a confianza dunha gran persoa e alcaldesa espectacular na miña persoa.

¿Como ves o Concello de Camariñas a día de hoxe despois de tantos logros por parte dos diferentes gobernos socialistas?
Vexo un Concello cun plan urbanístico, premiado a nivel turístico cos seus galardóns azuis e de moda nacional, referente comarcal e promotor dun amplo abano de actividades culturais e deportivas e vexo un concello social, que mira polos intereses dos veciños e sobre todo dos dependentes.

Que cres que necesita o noso concello para afrontar o futuro?
As necesidades primordiais que vexo no noso Concello son o emprego e o coidado das persoas dependentes.

Como pode o programa do PSOE de Camariñas resolver estas necesidades?
Ideamos un programa precisamente para elas. Respecto ao emprego, entre outras, prometemos crear chan industrial, facilitar a creación de empresas e formar aos nosos veciños para traballar cos nosos produtos: mar, agricultura e encaixe. Tamén continuaremos apostando polo turismo e apoiando a rede de comercio como ata agora. Respecto ao coidado dos dependentes a nosa promesa estrela é crear o necesario Centro de Día. Non é unha promesa van. Non é un capricho. É unha necesidade e imos solventala.

Que vas a propoñer para a túa parroquia?
O principal para min é o saneamento. Non lle daremos máis marxe á Xunta de Galicia. Comezaremos as xestións para levar á depuradora de Dor o saneamento das primeiras casas de Xaviña. Construiremos un parque infantil, con aseo e zona para persoas maiores ao lado da igrexa, centro neurálxico do pobo. Temos outro proxecto interesante como é a senda fluvial do río que cruza o noso pobo e que creemos que se convertirá nunha senda de moito tránsito para os nosos veciños e un recurso de interese turístico para o Concello. E seguiremos renovando os pavimentos das nosas rúas, instalando canalizacións e construíndo beirarrúas.

Como definirías á candidatura da cal formas parte?
É unha lista renovada, con moita ilusión, con persoas preparadas que se van a desvivir polos seus veciños e que conta ca experiencia dunha alcaldesa que leva anos traballando polo ben do noso Concello.

Que nos poderías dicir da nosa candidata e Alcaldesa Sandra Ínsua?
Sandra é a mellor alcaldesa que pode ter o Concello de Camariñas e defínoa como unha persoa con corazón e experiencia. Sandra ten un gran corazón. É moi boa persoa. Atende a todos os veciños e, pouco a pouco, vai resolvendo os problemas que lle trasladan.
Ademais conta cunha ampla experiencia froito de todos estes anos como Tenente de Alcalde. Nestes últimos meses demostrou a súa capacidade para mellorar o noso Concello.

Última frase para animar a todos os veciños a votar pola nosa candidatura:
O domingo 26 os veciños do Concello de Camariñas decidides quen queredes que vos goberne. Poñemos a vosa disposición a nosa formación e experiencia para xestionar o noso pobo. Anímovos a que nos votedes e nos axudedes a facer realidade o noso programa electoral: a Camariñas, Xaviña, Brañas Verdes, Santa Mariña, Ponte do Porto, Camelle e Arou que queres! Vota PSdeG-PSOE, vota a Sandra Insua como Alcaldesa do Concello de Camariñas!

Descarga o programa completo do PSdeG-PSOE de Camariñas

Un programa electoral no que poderás comprobar gran parte dos traballos realizados máis importantes dos derradeiros 4 anos así como tamén os proxectos que queremos desenrolar durante a lexislatura 2019-2022

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *